Preinscrición Escola Municipal de Música · Curso 2026/27
Para optar a unha praza na Escola Municipal de Música de Ourense para o curso 2026/27, as persoas interesadas deberán cubrir o formulario de preinscrición habilitado para tal fin. O prazo de preinscrición será do 18 de maio as 9:00 ao 8 de xuño as 14:00, ambos incluídos.
A adxudicación provisional das prazas realizarase con posterioridade ao prazo de preinscrición, unha vez revisadas as solicitudes e a documentación achegada, e aplicados os criterios de baremación, selección e organización recollidos nestas normas.
Antes de realizar a inscrición neste formulario debe ler as siguientes normas de preinscripción:
1. Proceso de preinscrición
Para optar a unha praza na Escola Municipal de Música de Ourense para o curso 2026/27, as persoas interesadas deberán cubrir o formulario de preinscrición habilitado para tal fin. O prazo de preinscrición será do 18 de maio as 9:00 ao 8 de xuño as 14:00, ambos incluídos.
A adxudicación provisional das prazas realizarase con posterioridade ao prazo de preinscrición, unha vez revisadas as solicitudes e a documentación achegada, e aplicados os criterios de baremación, selección e organización recollidos nestas normas.
2. Documentación a achegar
-
Copia do xustificante de preinscrición.
-
Copia do título de familia numerosa, se procede.
-
Acreditación de discapacidade igual ou superior ao 33 %, se procede.
-
Copia do DNI da persoa solicitante ou do titor/a legal no caso de menores.
-
Copia do libro de familia completo, só no caso de existir familiares matriculados na Escola.
-
Copia da declaración da renda da unidade familiar do último exercicio.
3. Criterios de baremación
A asignación de prazas terá en conta os seguintes criterios e puntuacións:
-
Empadroamento no Concello de Ourense: 5 puntos.
-
Renda da unidade familiar:
-
Igual ou inferior ao dobre do salario mínimo interprofesional: 2 puntos.
-
Superior ao dobre do salario mínimo interprofesional e ata o cuádruplo: 1 punto.
-
Condición de familia numerosa: 1 punto.
-
Discapacidade igual ou superior ao 33 %: 1 punto.
-
Existencia de membros da mesma unidade familiar, irmáns, pai ou nai, matriculados na Escola: 1 punto.
En caso de empate, este resolverase pola orde de presentación das solicitudes.
4. Criterios de selección e organización
A puntuación obtida no baremo establecerá a orde de prioridade das solicitudes, pero a adxudicación provisional das prazas dependerá tamén da existencia de prazas compatibles coa organización pedagóxica, horaria e funcional da Escola.
A organización definitiva realizarase unha vez rematado o prazo de preinscrición e revisadas todas as solicitudes recibidas, tendo en conta a idade da persoa aspirante, o nivel musical, se o houbese, a especialidade ou actividade solicitada, a modalidade de clase dispoñible, a posibilidade de completar grupos xa existentes ou formar novos grupos, así como a dispoñibilidade horaria.
No caso de que unha solicitude non resulte compatible coa organización pedagóxica ou horaria dispoñible, a praza poderá ser ofrecida a outra persoa solicitante que cumpra os requisitos establecidos e poida incorporarse adecuadamente á organización prevista.
5. Ensinanzas instrumentais
Nas ensinanzas instrumentais, a adxudicación das prazas realizarase unha vez revisadas todas as solicitudes recibidas e valorada a súa compatibilidade coa organización pedagóxica e horaria da Escola.
Con carácter xeral, priorizarase a incorporación do alumnado que permita completar grupos xa existentes ou formar novos grupos, tendo en conta a idade, o nivel musical, a modalidade de clase dispoñible e o horario.
A Escola poderá tamén adxudicar prazas en modalidade individual cando a organización de cada especialidade así o permita.
6. Valoración do nivel musical previo
No caso das persoas aspirantes que declaren ter coñecementos musicais previos, a Escola poderá realizar unha entrevista, valoración ou proba de nivel a través do departamento correspondente, cando esta sexa necesaria para determinar a súa posible incorporación a un grupo xa existente, a formación dun novo grupo ou a modalidade de clase dispoñible.
Os coñecementos previos só poderán ser considerados como criterio de prioridade organizativa cando sexan acreditados mediante a valoración realizada pola Escola e resulten compatibles co nivel, idade e horario do grupo ou modalidade dispoñible.
Esta valoración non será necesaria en todos os casos, senón unicamente cando o nivel musical previo declarado resulte relevante para a adxudicación da praza ou para a configuración dos grupos.
7. Música e Movemento
No caso de Música e Movemento, a adxudicación das prazas realizarase tendo en conta a idade da persoa solicitante, o grupo correspondente e a modalidade de xornada indicada no formulario.
No caso de existir máis solicitudes que prazas dispoñibles nun determinado grupo, aplicarase a orde de prioridade establecida polo baremo.
8. Horarios
O alumnado de novo ingreso deberá adaptarse aos horarios dispoñibles establecidos pola Escola, que dependerán da organización xeral do curso, dos grupos existentes, da posible creación de novos grupos e dos ocos horarios dispoñibles unha vez organizada a continuidade do alumnado xa matriculado.
A presentación da solicitude de preinscrición non garante a obtención dun horario determinado.
No caso de que unha persoa admitida non poida adaptarse ao horario asignado, a Escola poderá ofrecer a praza a outra persoa solicitante compatible coa organización prevista.
9. Agrupacións
O acceso ás agrupacións musicais da Escola (combos,orquestra ou coro), estará condicionado á valoración do profesorado e, se é o caso, á realización dunha proba de nivel.
A admisión dependerá da adecuación da persoa solicitante ao nivel, instrumento ou voz, idade, repertorio e necesidades organizativas da agrupación correspondente.
A incorporación realizarase segundo a valoración do profesorado e as necesidades organizativas da agrupación correspondente.
10. Publicación de listaxes
As listaxes provisionais das persoas admitidas publicaranse na web municipal de Educación, https://educacion.ourense.gal, o día 1 de setembro.
As listaxes definitivas publicaranse posteriormente na mesma web, na data que se comunicará máis adiante, xunto coa información relativa ao proceso de matrícula, prazos, horarios e demais indicacións necesarias.
11. Información sobre matrícula e cotas
A formalización da matrícula realizarase nun trámite posterior, unicamente no caso das persoas que resulten admitidas.
-
Matrícula: 33 €.
-
Cota trimestral de Música e Movemento: 39,40 €.
-
Cota trimestral de Instrumento: 78,80 €.
Aplicarase un desconto do 50 % a partir do segundo membro da unidade familiar matriculado na Escola.